Mirar o faro espido de temporais era algo novo alí. Estaba recta, matemáticamente recta. Fixo unha análise completa do panorama e concluíu o de sempre: cada día era diferente. Non tiña rabia, nin carácter cambiante. Non podía telo. Quería vestirse de mar pero non sabía cómo. Escoitara a canción, escotáraa moitas veces. 564 veces exactamente. Sacou o mando a distancia e púxose a ver dibuxos animados. Sobre o ceo repleto de nubes. Tiña tempo ata que aparecese a lúa. Intentaba falarlle cada atarcecer, pero ela nunca contestaba. De ela a ela. Distantes por tantos motivos. Faltas de vocabularios humano por cousas do azar. A ortografía ás veces falla. Alfonsina tiña nos ollos un gran proxector de 3D, pero non era capaz de chorar cando escoitaba unha canción. A nostalxia pode ser contaxiosa.